[A Coruña] Concentración contra os recheos das praias
- Inicie sesión o regístrese para enviar comentarios
Venres 26 de marzo ás 19.00 horas no Obelisco.
Xa comezan co recheo de area nas praias da cidade. Hai que detelo. Queren botar 320.000 metros cúbicos de area para ampliar as praias de Riazor e Orzán xunto cos 15.000 metros cúbicos que van para San Amaro e seica a obra vai custar preto de 8.5 millóns de euros. En tempo, consideraban que os traballos van levar uns 14 meses, pero en menos de dez días foron quen de rebaixar ata once meses do tempo previsto e agora din que podería estar feito a comezos do verán. Nalgúns momentos cando apareceu esta noticia nos xornais, falouse de rexeneración das praias, pero en realidade non é tal. Como Medio Ambiente recoñece, o mar non se está a levar area da praia, os areais non están a perder tamaño. Así que os únicos motivos que ofrecen para as obras son que ao remataren haberá máis espazo, ata 5000 persoas máis poderán chantar a súa toalla na praia. A outra razón que atoparon é a de protexer o paseo marítimo das ondas nos días de tormenta. Pero, estas son razóns reais?, estas son necesidades fundamentais?, non hai ningún outro interés en xogo que hai que coidar?
No verán ás veces as praias están cheas, pero cantos días son eses? Están a falar en serio cando queren que haxa sitio para 5000 persoas neses poucos días e por iso queren duplicar a dimensión das praias “gañándolle” 30 metros ao mar? E de verdade que para iso van pechar as praias para acabar o traballo faraónico? E en que condicións van estar as augas?
O senso dun paseo marítimo é poder camiñar e, ao tempo, contemplar a beleza do mar e da costa. O sensentido é modificar ese mar e esa costa para protexer un paseo marítimo que non se construiu ben no seu tempo -as lousas de pizarra que están a romper seguido son bo reflexo diso. E a balaustrada, esa estructura pesada e mal deseñada tamén necesitou reparacións noutros puntos a onde non chegaba o mar). Xa que esta é a situación, haberá que buscar alternativas para protexer o paseo sen ter que tocar as praias.
Este xeito de obrar deste proxecto baséase na idea de que a praia non é un espazo vivo. A decisión non ten en conta o entorno natural que se creou, aos paxaros, os peixes e as persoas que viven nel e que desfrutan del. Non repara na beleza das rochas que van quedar soterradas, as rochas onde os nenos andan a procurar cangarexos no verán e no inverno as xentes andan a procurar as raiolas do sol. A razón pola que Ecologistas en Acción denuncia esta obra específicamente – e moitas outras deste tipo- no seu informe de Banderas Negras 2009 é porque se trata de medidas que non respectan o medio ambiente, non teñen en conta que as correntes van cambiar, que moita da vida existente vai desaparecer, que non ten lóxica engadir de novo area de canteira. Os efectos son difíciles de evaluar, difícil establecer as consecuencias, especialmente cando non se realiza ningún estudio do impacto desta obra.
A situación cáusanos estupor porque o que para nós é evidente, para os departamentos de Medio Ambiente do Concello e do Ministerio non o é. As Consellerías de Medio Ambiente e Pesca non din nada. A xente que pasea pola praia, *s que paran a tomar o sol nunha rocha, *s que se bañan sexa inverno ou verán, *s que pasean o can, *s que se mergullan, *s surfistas, *s turistas que veñen sacar a fotografía, todos nós miramos cara ao mar e as rochas e a liña da costa e atopamos algo que atrapa.
Aínda que nos carteis que hai nas escaleiras de acceso á praia o Concello se gabe da riqueza vital da praia (das algas, das cunchas, dos virapedras), por moita estatua que se lle adique ás catalinas ou *s surfistas, nin no Concello nin en Costas saben apreciar as nosas praias do mesmo xeito, porque se non fose así, non poñerían en risco o ecosistema existente. É un verdadeiro luxo ter unhas praias vivas no centro da cidade. Non é unha praia enorme o que se quere, non se quere un Benidorm ou unha Marbella, senón outro mar ben distinto, outra costa, outra praia… esta que temos.














